En vías de extinción (fragmento del texto original en gallego)

María Reimóndez

Os seres humanos non somos a marabilla pola que nos temos. En realidade somos o maior factor de alteración do medio natural existente, nin tsunamis nin terremotos teñen a nosa capacidade destrutiva vista en colectivo. É hora de cambiar de dirección e persoalmente opto polas intervencións pequenas, porque como o vento que erosiona a rocha, nós podemos erosionar o consumismo e as pegadas de carbono. Non son optimista, simplemente creo que as persoas poden colaborar coas forzas da natureza deste xeito.

Non pensen que é por gabarme pero debo confesar dende o primeiro que son unha persoa excepcional, no sentido de fóra do corrente. Eu non nacín no consumo nin a miña vida se centrou en tentar medir a miña imaxe, en facerme contar calorías ou en loarme a aparencia. Admítoo, lévolles moita vantaxe nese sentido a outras persoas. Pero que ninguén se desanime, nunca é tarde para converterse en vento.

O que quero dicir con isto é que a nosa sociedade produce persoas enfermas e un medio enfermo. Persoas que centran todas as súas forzas en parecer ser, en aparentar, en ter, distraendo a cabeza de cousas moito máis importantes con fotodepilacións e paseos por centros comerciais. Logo hai outras persoas que pretenden que reflexionemos, que fan arte ou agricultura ou que simplemente amosan formas de vida diversas coas que unha pode ou non estar de acordo pero polo menos son alternativas que considerar.

A miña observación dos fenómenos levoume á convicción de que as persoas podemos ser axentes ecolóxicos, cousa para a cal non fai falta meterse nun barco perseguir baleeiros, que está moi ben e a min encantaríame, pero hai formas máis sinxelas de erosionar. Facendo a propia roupa, cultivando o propio alimento, fuxindo deses lugares infernais de cemento que axiña han ser ruínas sen nada que ofrecer. Haberá quen pense que propoño unha forma de vida primitiva pero ao paso que imos esta será a única forma de vida do futuro porque chegará un día en que as conexións de transporte serán moito máis escasas, as comunicacións ralentizaranse de novo e entón, cando non poidan chegar as papaias latinoamericanas aos andeis dos nosos supermercados, as poboacións urbanitas chorarán polos labregos e labregas que deixaron no seu camiño de consumo, que deitaron como lixo á reciclaxe das casas rurais. Chorarán polo coñecemento perdido, por non saber plantar unha pataca, e polo retroceso de varios centos de miles de anos ao principio da civilización humana, só que agora con grandes cantidades de merda na cabeza, con grandes cantidades de desexos de cousas inatinxibles. Daquelas só os países que agora se consideran pobres, eses que aínda conservan a produción de alimentos, poderán vivir en paz sempre e cando non estean infestados das sementes transxénicas que xa ninguén poderá producir.

E está moi ben querer vivir na cidade, eu vivo nunha, e querer ter outros traballos que non sexan o agro, eu tamén teño un, pero a todo iso subxace a maior verdade: que todos os seres humanos precisamos comer para vivir. E cando comer é unha preocupación entón é que a vida vai mal. Ou por defecto, cando hai fame, ou por exceso con toda esa obsesión de dietas e obsesións polo vexetarianismo. Obsesións certamente urbanitas, se mo permiten. De aí que decidise dedicar a miña vida a esta causa, a ser un axente ecolóxico, aló onde máis se precisa: na cidade. Precisamente porque tampouco é a miña unha visión idílica ou prehistórica da natureza, o cambio é necesario, pero hai que deixarlles a outros seres vivos condicións para que poidan existir. Se algo hai de verdadeiro na natureza é a diversidade e o cambio. O problema é que os nosos cambios só van nun sentido, no da unificación. Por iso, cun pé de cada lado decidín que dado que tiña o privilexio de ter nacido e crecido nun contorno san, nun contorno san de mente, quero dicir, sen obsesións absurdas que ata unha pita vería que non teñen sentido, é tamén a miña responsabilidade tentar alterar o meu contorno como fai a propia natureza, proporcionando diversidade e de aí a miña teima en permanecer na cidade. Porque é aquí onde se precisa o verde, onde hai que apagar as luces, onde hai que deixar de usar o coche, onde hai que buscar o público lonxe do comercial, onde hai que usar a lingua propia, onde hai que exercer a diversidade sexual. Eu síntome fondamente afortunada, teño a ledicia de aglutinar todos eses factores, o cal me fai o ente ideal para este traballo. E aí nese traballo estarei eu, agochada como a semente que agroma cando chega a primavera, mais fondamente visible para quen sexa capaz de atopar os ollos. Facendo ondas ao meu paso, transgredin­do as fronteiras entre o cemento e as árbores.

Grazas pola súa atención. Do outro non teñen que dalas.

En vías de extinción. Xeráis, 2012. Reproducido con permiso.

License

En vías de extinción (fragmento del texto original en gallego) Copyright © 2022 by María Reimóndez. All Rights Reserved.

Share This Book